O Correo Galego - 15 de mayo de 1996

PARDOS CRE QUE INTERNET SERA CLAVE NA DIPLOMACIA DO TERCEIRO MILENIO

SANTIAGO

Redacción

O diplomático José Luis Pardos Pérez explicou onte en Santiago que "as autopistas da información están chamadas a se-la peza clave da diplomacia do terceiro milenio".

Pardos, ata hai poucas datas embaixador de España en Canadá, puxo en marcha hai un ano unha experiencia que, na súa opinión, debe ser aproveitada para moderniza-lo Servicio Exterior Español. Durante a guerra do fletán conectou á rede Internet un servidor que, baixo a denominación SiSpain, ofreceu a versión española no conflicto desatado a raíz do apresamento do pesqueiro galego Estai.

Deste xeito, a embaixada conseguiu contrarrestar en boa medida a potente campaña de desprestixio contra os nosos pescadores posta en marcha polo ministro de pesca canadiano, Brian Tobin.

Na súa conferencia no Club Internacional de Prensa, organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación, Pardos amosou ós asistentes algúns dos contidos do programa SiSpain na súa actual configuración, unha vez transformado nunha potente base de datos sobre os intereses españols no mundo, que han de ser encauzados pola Administración central.

Pardos Pérez aludiu tamén á rexionalización da política internacional, así como ás novas dimensións que nun mundo cambiante ten que adoptar a diplomacia tradicional.

José Luis Pardos foi presentado polo xerente adxunto da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Antonio Suárez-Llanos.